Saturday 04 de May de 2024

A “Noite en Branco da Magariños” ofrecerá cinco concertos diferentes en cinco enclaves de Brión na noite e madrugada de mañá venres


Participarán o alumnado da Escola Municipal de Música Magariños e a Banda de Música Municipal de Brión

A “Noite en Branco da Magariños” ofrecerá mañá venres 12 de maio, entre as 22:00 e as 0:00 horas, cinco concertos en outros tantos edificios públicos de Brión totalmente gratuítos e abertos á cidadanía. Un espectáculo no que participará o alumnado da Escola Municipal de Música Magariños de Brión, que contarán coa Banda de Música Municipal de Brión como atistas convidados.

Trátase de actuacións duns vinte minutos nos que se interpretan pezas clásicas e modernas, que van acelerando o seu ritmo segundo vai avanzando a noite e se vai cambiado de escenario, todos eles na contorna de Pedrouzos e coa Carballeira de Santa Minia como eixo central. Así, os concertos comezarán ás 22:00 horas na Aula 2 da ESMU Magariños co concerto “Lento”; seguido ás 22:30 horas polo concerto “Adagio” na Biblioteca Municipal de Brión.

Ás 23:00 horas chegará o concerto “Moderato”, que terá lugar na sala de exposicións da Casa da Cultura, dende onde se trasladarán ata o salón de plenos do Concello de Brión, onde ás 23:30 horas se celebrará o concerto “Allegro”. A “Noite en Branco da Magariños” pecharase ás 0:00 horas co concerto “Presstisimo”, o único que terá lugar fora da contorna da Carballeira de Santa Minia, pois será no auditorio do Centro Social Polivalente.

A “Noite en Branco da Magariños” está organizada pola Escola Municipal de Música Magariños de Brión, coa colaboración do Concello de Brión, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A entrada a calquera destes cinco concertos é libre e de balde.